jueves, 26 de marzo de 2020

12. Lume

Lume, ao seu paso, un incendio sen control arrasando os bosques no meu peito. Lume na súa danza desquiciada, extasiada, é unha bacante en pleno clímax, fervendo por dentro e por fóra, escoitando a música que resoa na lúa.

Move os pés descalzos sobre a herba fresca, ante a mirada dos deuses que habitan o outro lado do grande Océano, as chispas queiman a pel dos seus dedos pero non importa, porque será unha co mundo mentres non deixe de bailar.

Ménade, incendia a terra enteira co serpenteo do teu corpo esgotado, fai morrer a noite nos teus brazos e prende lume ao mar. Danza ata que chegue o mencer dun novo día, estoupa, salta e xira, pois para entón serás ti o novo sol.

No hay comentarios:

Publicar un comentario