Categoría: Escribintes
Mostrando entradas con la etiqueta Escribintes. Mostrar todas las entradas

sábado, 28 de marzo de 2020

15. Noite

Noite, oh, noite, nai do sono, nai da morte, acouga o meu ánimo nos teus brazos escuros, infinitos océanos de nubes e estrelas, bica os meus beizos, doce luz da mañá, Aurora de dedos de rosa, anxo custodio do lar.

Remata co meu sufrimento, naiciña, envólveme nas sombras do teu colo, non quero ver máis ceos abertos, non quero máis mencer lonxe do submundo. Dalle esta luz dos ollos meus a quen quera ser bela lúa, eu laio nas covas e ríos, sálvame desta brancura.

Noite, abre os ollos, esperta e reclámame como filla túa, quero ser a pequena noite, o solpor, a tardiña, os latexos das augas prateadas da lagoa Estixia. Esquecerei este raro sono que foi a vida e da túa man, Noite, coñecerei o que é a vida.

14. Berro

Un berro incesante que resoa nas paredes do cráneo, absurdo, abraiante, armonía perfecta do bucle xerado polo mesmo cuarto pechado de sempre. Un berro que hai tempo gañou o título de baixo continuo, que vibra, que non acouga, e cala, miña rula, cala.

Son palabras tempo atrás esquecidas, ben gardadas, as pantasmas do pasado arrancando, rabuñando vellas feridas endexamais curadas. Rancorosa ata  os fígados, miña rula, pero cala, mellor cala, fai borrón e nova conta, e que non importe quen pisou as túas mans.

Berro no máis profundo da cova, da gorxa da escura montaña, tan lonxe que ninguén comprende o que di. Por fóra todo calma, nubes, primaveira, por dentro as agullas do xamais perdoado, do nunca esquecido, do pecado e do delito.

viernes, 27 de marzo de 2020

13. Silencio

Berraba por dentro, cos beizos pechados e a mirada nos pés, reprimindo, sorrindo. Por moitas cousas que sentira naquel momento debía calar, debía seguir adiante e soltalo todo no silencio do meu cuarto, do meu solitario palacio no ceo.

Agora xa é tarde para arrepentirse ou botarse atrás. Dende o meu asento vexo as nubes borrando a cidade, o océano, levándome lonxe do teu recordo e da cobardía de ter calado, de non terte chamado, de non atreverme a berrar de verdade e de afogarme en soidade.

Agora, como cobarde, fuxo unha vez máis a finxir que son feliz percorrendo o mundo, a facer da miña viaxe unha inesquecible lembranza, borrón sobre o teu nome tantas veces escrito nos meus pensamentos. Xamais deixarei de oílo, amor, no outro lado do océano.

jueves, 26 de marzo de 2020

12. Lume

Lume, ao seu paso, un incendio sen control arrasando os bosques no meu peito. Lume na súa danza desquiciada, extasiada, é unha bacante en pleno clímax, fervendo por dentro e por fóra, escoitando a música que resoa na lúa.

Move os pés descalzos sobre a herba fresca, ante a mirada dos deuses que habitan o outro lado do grande Océano, as chispas queiman a pel dos seus dedos pero non importa, porque será unha co mundo mentres non deixe de bailar.

Ménade, incendia a terra enteira co serpenteo do teu corpo esgotado, fai morrer a noite nos teus brazos e prende lume ao mar. Danza ata que chegue o mencer dun novo día, estoupa, salta e xira, pois para entón serás ti o novo sol.

martes, 24 de marzo de 2020

10. Tremor

Treme a noite cos cánticos das deusas inmortais, iracundas, preparadas para a última batalla.
Treme a montaña, as covas escuras, cos pasos firmes do silente aquelarre.
Tremen, no peito, os corazóns impacientes dos devotos que camiñan descalzos, enmascarados.

Tremen os corpos espidos, ocultos baixo túnicas de colores festivos.
Tremen as ánimas do bosque infinito e tremen, sí, as árbores de faciana azul.
Tremen os ríos, as fontes e os mares todos cos cánticos entoados polas meigas, meigallos en lingua ártabra.

Trememos todas, nas nosas camas, agardando a chamada das deusas antigas.
Trememos, susurrando, oracións que traian a nós eses meigallos.
E o tremor sube polas costas, entre as pernas, polo ventre e entre os peitos. 
Trememos e, moi cedo, farémolos tremer.

lunes, 23 de marzo de 2020

9. Pantasma

Pechar os ollos para sempre e acudir, co peso das dracmas nos párpados, ao encontro co barqueiro. O silencio é absoluto nestas augas e infinito o bosque de árbores espidos no que habitan os soños, a morte, a discordia.

Pagarlle ao homiño, tan vello, tan canoso, e cos brazos fortes remando nas augas ata chegar ao outro lado. Oír laiar ás ánimas en pena, Caronte avanza sen palabra ata o meu destino. Os campos Asfódelos, tan coidadiños, pes descalzos na herba, ollos no infinito.

A cada paso, as palabras escorregan, as imaxes voan, non hai lembranzas nesta alma en pena. Sen sorriso nin tenrura, novas pantasmas cada día, Hades o das escuras mansións, e na necrópole non quedan tumbas, nin nomes, nin amor.

domingo, 22 de marzo de 2020

8. Remuíño

Amence de novo con remuíños de noite e ouro nos teus ollos. Remuíños reflexados no café da mañá, na túa risa cansada, nos mensaxes do día, na voz cantarina que sae da ducha e derrota ao silencio entre as miñas paredes.

Remuíños nos charcos cando chove nas rúas, quen diría que sería quen de atopar o teu nome contra o asfalto mollado, nas plantas empapadas, no crepitar do lume das velas, nos sorrisos que escapan dos meus beizos?

Bícame coma un remuíño, meu ceo, convírteme nunha tormenta. Arrástrame contigo, corazón, ás páxinas sosegadas do día a día. Dancemos da man baixo pingas irisadas, quen quere paraugas puidendo sentir así? Sexamos flores silvestres, tornasoles, bolboretas.

viernes, 20 de marzo de 2020

7. Grilo

Canta, rei grilo, canta ben alto entre as herbas, ao pé dos outeiros, entre carballos e aciñeiras. Protexe aos nenos de trasgos, diaños e meigas mentireiras, garda as chaves do universo de sombra, auga e tebras. Durmamos no manto laranxa, afoguemos nos soños.

Canta, rei grilo, canta e invoca a cor laranxa. Que mil linguas de lume empapen o ceo nublado, que o vento arrastre o teu canto dourado. Canta, rei grilo, e levanta contigo ao teu pobo. Canta, rei grilo, convídanos ao sono.

Canta na noitiña, canta. Escoitarémosche coma quen oe os avisos, con precaución, con temor. O canto do grilo abre as portas do mundo da noite, señor das chaves do inferno, pecha os ollos cando marche o ceo laranxa, escoita ao rei grilo que canta, canta e canta.

Resultado de imagen de laxeiro trasmundo
Laxeiro, Trasmundo (1946)

6. Bico

Bicámonos aquí, neste mismo balcón no que hoxe contemplo a cidade, soa, nunha noite sen estrelas coma aquela. Bicámonos con ganas porque pasamos moito tempo negando as ganas, e polo camino perdimos bicos entre bágoas e escusas baratas.

Perseguirnos como parvos levounos a quedar sen tempo de bicarnos, cos beizos e cas palabras, agora segue sen estrelas o ceo, e a cidade non cala.

Maldigo ás luces que nos cegaron antes de que nos atopásemos, que acenderon para fundirse de súpeto.

Bicaríache ata desgastar a túa pel infinita se tivese outra oportunidade, porque dinche os bicos todos e esquecín berrar o que por ti sinto. Agora, ti levas bicos a outra persoa, e eu busco, soa na nosa terraza, estrelas tan apagadas coma min.

miércoles, 18 de marzo de 2020

5. Bágoa

Racha cas túas cadeas, meniña, racha co férreo corsé.
Co corazón latexando forte no peito e a rabia apretando os dentes, engurrando o cello, cabalga unha egua iracunda que surque mares, ceos e o inferno que está por vir.

Nin unha soa bágoa, nin unha.
A faciana vermella, furor gladiatoris, espadas ameazando ao inimigo sin sombra, ao sorrinte de corpo de fume. Rilla os dentes pensando no saber da carne que o lume torrará.

Algún día, meniña, ca primeira luz do solpor, esa bágoa frustrante que hoxe derramas será veleno, será arma, e converterás o medo en valor.
Amazona, érguete e ao trote!
Quedan moitas loitas no horizonte, moitas historias por contar.

4. Xoaniña


Resultado de imagen de costa da morte
Costa da Morte
Un tarro e as mans cheas de terra, que mellor para pasar as tardes de verán? Os maiores nunca lles deixaban xogar na praza da aldea, así que, cas mochilas ás costas, fuxían polo camiño que levaba ao faro. Ningún deles chegaba aos dez anos, o pequeno Xián aínda rozaba o lustro, máis ninguén lles impedía vivir mil aventuras cada día, percorrer o monte, mollar os pés no río e berrarlle ao vento ouveante da Costa da Morte.

Carlota, Pedro, Lucía e o pequeno Xián gardaban xoaniñas nun tarro cheo de terra, perseguían bolboretas e lanzaban pedras ao mar. Ningún dos catro sospeitaba que, mortas as maruxiñas collidas cos dedos, rematado o verán, tampouco eles volverían voar.


lunes, 16 de marzo de 2020

3. Biscoito


Resultado de imagen de bica gallega
Bica galega



Aínda gardo no maxín, pero sobre todo no peito, o arrecendo a biscoito que escapaba pola fiestra da túa cociña cada tarde de xoves, pasadas as tres. Aínda lembro o que doía terche tan preto e non poder convidarche, cada día, a acompañalo cun café. 

Un breve sorriso procuraba facerme notar para ti, para os teus ollos, polo mesmo camiño de sempre, esperando que me fixeras perderme nas herbas altas do teu xardín. Queres biscoito, Violeta? Quero, pero máis quérote a ti.

Camiñei pola rúa que daba á súa casa tódalas mañás, tódolos seráns. No meu corazón o recendo do biscoito de Matilde, das súas flores, a cor do seu carmín. Quen me dera terche bicado nos beizos como a túa lembranza me bica agora a min.




domingo, 15 de marzo de 2020

2. Mar

Resultado de imagen de praia dos cristais galicia
Praia dos cristais, Laxe (A Coruña)

Escuma dourada rachando na praia, ribeira sagrada do mar de prata, canta, oh Musa, a longa viaxe das nereidas, ondinas e sereas, e as batallas que mil barcos afundiron. Canta como, cansadas de ser tentación, son e castigo, tomaron as armas e partiron.

Velaquí a historia da valiente Euritea, de Halia salvaxe, da divina Ilión. As fillas do mar cabalgaron as tormentas, destrozaron as mareas, sen marines, nin soldados, nin piratas que escorrentar. Son elas enviadas do ventre do mundo, titánides, lume, nada máis.

Canta, oh Musa, a cólera das fillas de Océano, guerreiras famentas de carne inimiga, de palabras de fama, de tambores de guerra. Un batallón fica quedo nas mareas, silente, escudos de bronce, xeo no corazón.

sábado, 14 de marzo de 2020

1. Canción

Finca de O Frendoal, Aldán (Pontevedra)
Cantar sen canción nun caserón vacío, espido, pazo sen ánimas, nin fiestras, nin fogar. Plantarse na porta, portiña feble que treme de medo, estoupar sen moverse, ollar no seu ollar. Todo iso faría se non tivera esquecido o tempo, tempo máis fondo co mar.

Son tempos escuros, dicía mamá. A boca pechada, que non entren moscas, bolboretas mortas na terra ca primeira luz do mencer. E fechamos a casa, a cancela, as mans, o corazón, non hai sitio pra cantares na miña aperta de tebras, non hai tempo ao teu carón.

E codicio, envexo agora as voces que terían resoado, as cantatas cas que invocaríamos ao diaño, máis a historia marchou ca miña voz nos petos e, agora, xa non sei ser. Afoga, adeus mosca e bolboreta, e converte ó océano en poesía, convérteo en cantar.