domingo, 22 de marzo de 2020

8. Remuíño

Amence de novo con remuíños de noite e ouro nos teus ollos. Remuíños reflexados no café da mañá, na túa risa cansada, nos mensaxes do día, na voz cantarina que sae da ducha e derrota ao silencio entre as miñas paredes.

Remuíños nos charcos cando chove nas rúas, quen diría que sería quen de atopar o teu nome contra o asfalto mollado, nas plantas empapadas, no crepitar do lume das velas, nos sorrisos que escapan dos meus beizos?

Bícame coma un remuíño, meu ceo, convírteme nunha tormenta. Arrástrame contigo, corazón, ás páxinas sosegadas do día a día. Dancemos da man baixo pingas irisadas, quen quere paraugas puidendo sentir así? Sexamos flores silvestres, tornasoles, bolboretas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario